02/03/2013

Defendendo a Sanidade Pública

Ser cidadán ou cidadá implica algo moi importante, ter dereitos e deberes, todos ao mesmo nivel. A cidadanía oponse á concepción de señores e súbditos que había anteriormente, na que os dereitos de uns e de outros eran bastante diferentes.
A sanidade pública e universal foi creada para a cidadanía. Independentemente de se eras un persoa sen teito, un inmigrante ilegal, ou calquera persoa con ou sen recursos, podías ir a un hospital de urxencias, ao PAC, ou ao médico de cabeceira con garantía de boa atención e calidade.

Isto non sucede noutros países, o exemplo máis claro é Estados Unidos, que coñecemos polas series e películas. As dificultades económicas de Helen Hunt en "Mellor imposible" tentando salvar ao seu fillo e frustrada por non poder pagarse un médico "de verdade". Ou a reflexión de "Patch Adams" con Robie Williams cavilando sobre o feito de que unha nai, ante a urxencia da súa filla, non debera estar enchendo os papeis que certifiquen que ten un seguro. Ou na serie "Friends", na que o Matt Leblanc móstra a un Joey Triviani que non podía ter lesións nin enfermidades debido a que levaba moito tempo no paro. Ter que ir a un hospital ou centro de saúde non é plato de gusto, e en moitos casos, xa é unha traxedia familiar e social en si mesma... como para que a aderecemos con traxedias económicas unidas.
Temos a sanidade máis eficiente, con máis servizos, e máis pacientes atendidos. Gastamos moito menos por habitante en sanidade que cidadáns de EEUU, para recibir uns servizos moito mellores. E a cuestión, é que incluso podemos mellorar, dar máis servizos, con máis calidade e con máis eficiencia.

Pero existe un problema. A demanda inelástica (aquel producto que tes que comprar si ou si) é bastante suculenta para o sector privado, se rompes un óso tes que ir si ou si ao médico, e pagar o que che pidan. Isto ignorando a quen non pode pagalo, ou que pode pagalo a base de renuncias persoais de gran calado. Pero este pastel non se pode comer cando se está cubrindo esa demanda de xeito eficiente. Velahí vén a ideoloxía.

Empezaron cos inmigrantes ilegais, apelando aos máis baixos instintos racistas. Logo os fármacos cos criterios de eficiencia, cousa nada criticable, aínda que en perspectiva, cuestionamos os motivos xa que abre o camiño a non subvencionar futuros medicamentos importantes. Logo o copago, falando da racionalidade na adquisición de medicinas por parte deses vellos que lles gusta ter farmacias na casa, abrindo o camiño para ter que copagar (repagar) todo. Logo a privatización da xestión debido a que o privado é máis eficiente (¿Por que? ¿En qué artigo do Medline se demostrou iso?), e tamén da súa construcción (Porque todos sabemos que as constructoras privadas teñen un historial de éxitos, honradez e previsión). Os maiores de 26 anos que nunca traballaran tampouco terán acceso á sanidade pública (¡Pobre de ti se queres estudar o PIR logo de traballar cunha beca!). E se vai deixar de pagar as ortopedias para que adiante os cartos o/a usuario/a e logo se devolvan (¿cando?) porque todo o mundo temos 12.000 euros nun colchón que pagaremos sen problemas se nos amputan unha perna. E xa o peor, haberá carteiras diferentes de servizos segundo o cotizado, e todo en nome da xustiza...

Somos Residentes en Psicoloxía Clínica. Somos cidadás e cidadáns, temos voz e voto. E como parte da cidadanía, reivindicamos a Sanidade Pública e Universal coma un dereito, e non coma unha mercadoría.

Un blogue que nos inspira e nos informa destes temas: Pavillón de Repouso

A Xunta Directiva AGAPIR