Estatutos





ESTATUTOS DA “ASOCIACIÓN GALLEGA DE PSICÓLOGOS INTERNOS RESIDENTES” (AGAPIR)



CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1. Normativa aplicable e denominación.
     A “Asociación Gallega de Psicólogos Internos Residentes” (AGAPIR) réxese ao amparo do disposto na Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical (B.O.E. nº 189, de 8 de agosto).

Artigo 2. Domicilio.
     O domicilio da asociación sindical radicará na cidade de Santiago de Compostela, na rúa Costa do Vedor 18, C.P. 15703.
     A Xunta Directiva pode acordar, en calquera momento, o cambio de domicilio, así como establecer as delegacións e representacións que considere máis convintes en beneficio da asociación mesma.
     Os posteriores cambios de domicilio no terán o carácter de modificación estatutaria, sempre que se comunique o cambio domiciliario ao Rexistro correspondente.

Artigo 3. Ámbito territorial.
     A asociación sindical desenvolverá as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Ámbito funcional.
     A asociación sindical desenvolverá as súas actividades no ámbito funcional dos psicólogos afiliados que se forman ou formaron pola vía PIR., e que exerzan ou exerceran na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Obxecto e fins da asociación sindical.
     Nos termos establecidos no artigo 7 da Constitución, a asociación sindical ten por obxecto a defensa e promoción dos intereses laborais, profesionais, docentes, económicos e sociais que lle son propios.

Artigo 6. Afiliados.
     Poderán pertencer á asociación sindical tódolos psicólogos que se forman ou formaron pola vía PIR, e que exerzan ou exerceron na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Personalidade xurídica e funcionamento democrático.
     A asociación sindical terá, unha vez cumpridos tódolos trámites legais, personalidade xurídica propia e plena autonomía para o cumprimento dos seus fins, rexéndose no seu funcionamento conforme a principios democráticos, sendo a súa estrutura interna e funcionamento de carácter democrático.

Artigo 8. Tempo de duración.
     A asociación sindical constitúese por tempo indefinido.


CAPÍTULO II. ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN, GOBERNO E ADMINISTRACIÓN

Artigo 9. Órganos de representación, goberno e administración
     A asociación sindical estará constituída pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
     A Asemblea Xeral é o órgano supremo da organización e estará constituída por tódolos afiliados que satisfixeran as cotas establecidas mediante acordo da Asemblea Xeral.
     A Xunta Directiva é o órgano permanente de goberno, dirección e administración da asociación sindical e estará composta por: un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e, polo menos, por catro vogais, preferentemente un por cada provincia da Comunidade Autónoma representada, elixidos polos membros da Asemblea por un período de 3 anos, elixidos mediante sufraxio libre e secreto, podendo ser reelixidos. Esta Xunta Directiva estará integrada por un máximo de doce afiliados.
     De conformidade co establecido na Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, no seu artigo 3.2., quen ostenten cargos directivos ou representación desta asociación sindical non poderán desempeñar, de forma simultánea, nas Administracións Públicas, cargo de libre designación da categoría de Director Xeral o asimilados, así como calquera outro de rango superior. De ser elixidos para os citados cargos, deberán comunicar de maneira inmediata no prazo máximo de 15 días e por escrito á Xunta Directiva o cargo polo que optan.
     Os membros da Xunta Directiva exercerán o seu cargo de maneira gratuíta, podendo aboárselles os gastos que lle supoña o exercicio das funcións representativas para os que foron elixidos, sempre e cando a Asemblea así o aprobe.

Artigo 10. Convocatoria da Asemblea.
     A Asemblea celebrarase:
     - En convocatoria ordinaria, reuníndose polo menos unha vez ao ano, para aprobar e debater os acordos que procedan no exercicio das funcións que lle son propias, sendo acordada a súa celebración pola Xunta Directiva
     - En convocatoria extraordinaria, cando o soliciten o 20% dos afiliados ou cando o acorde a Xunta Directiva pola urxencia e importancia dos asuntos a tratar. Igualmente convocarase para acordar a modificación dos estatutos, a fusión ou afiliación a outra entidade ou para aprobar a súa disolución.

Artigo 11. Formalidades para convocar a Asemblea.
     A Asemblea -ordinaria ou extraordinaria- deberá convocarse por escrito, pola Xunta Directiva ou polo Presidente da asociación sindical, mediante notificación por calquera medio telemático ou por correo postal, expresando na convocatoria: lugar, día e hora da celebración, así como a orde do día acordado pola Xunta Directiva ou polo Presidente, a efectos de ter coñecemento por parte dos afiliados dos asuntos a tratar.
     Asemade, expresarase se procedera, a data, hora e lugar en que terá lugar a segunda convocatoria.
     A Xunta Directiva, no apartado de rogos e preguntas, recollerá tódalas propostas formuladas polos afiliados. A discusión de cada rogo e pregunta non poderá ter unha duración maior de 10 minutos. Se non se resolvera nese tempo pasaría a engrosar a Orde do Día da seguinte asemblea. Se un 20% dos asistentes propoñen que non se limite o tempo non se limitará.
    A convocatoria da Asemblea Ordinaria deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días naturais e a extraordinaria cunha antelación mínima de 10 días naturais.

Artigo 12. Constitución da Asemblea Xeral.
     A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando se atopen representados a metade máis un dos membros, e en segunda, calquera que fora o número de asistentes.
     A presidencia de tódalas Asembleas Xerais corresponde ó Presidente da asociación sindical, e en ausencia de este, ao Vicepresidente.
     A mesa da Asemblea quedará integrada polo Presidente e o Tesoureiro, e actuará como secretario o da propia Xunta Directiva.

Artigo 13. Acordos adoptados pola Asemblea.
     Os acordos entenderanse aprobados cando votasen ó seu favor a maioría simple dos afiliados presentes ou representados con dereito a voto, e serán obrigatorios para tódolos seus afiliados.
     Requirirase unha maioría cualificada de tres quintos dos afiliados presentes ou representados con dereito a voto cando se pretenda aproba-la modificación de estatutos, fusionarse ou afiliarse a unha Federación de Sindicatos ou aproba-la disolución da asociación sindical.
     Cada afiliado, ao corrente no pago das cotas, terá dereito a un voto.

Artigo 14. Funcións da Asemblea.
     Correspóndelle á Asemblea:
     a) Adoptar os acordos que procedan en relación á representación, xestión e defensa dos intereses dos seus afiliados e da asociación sindical.
     b) Aprobar os programas, os plans de actuación e a Memoria anual das actividades.
     c) Acordar a delegación de funcións na Xunta Directiva.
     d) Elixir ós membros da Xunta Directiva, mediante votación libre e secreta e aprobar ou censurar as súas actuacións.
     e) Revocar o mando aos membros da Xunta Directiva e ao Presidente da asociación sindical.
     f) Aprobar as retribucións que correspondan aos membros da Xunta Directiva, no seu caso.
     g) Adoptar as decisións que procedan a efectos de interpor toda clase de recursos e accións xudiciais ante os correspondentes órganos administrativos ou xudiciais.
     h) Aprobar as cotas, tanto ordinarias como extraordinarias, que deberán satisfacer os afiliados, así como o seu incremento e as reducións ou exencións de cotas para os afiliados desempregados (debendo, neste último suposto, establecer un período mínimo de tempo no que poderá beneficiarse de dita exención).
     i) Aprobar que a asociación sindical se fusione ou federe a outros sindicatos ou federacións de ámbito autonómico ou estatal.
     j) Aprobar os orzamentos e o estado de liquidación de contas.
     k) Ratificar os acordos de admisión ou expulsión dos afiliados adoptados pola Xunta Directiva no exercicio das competencias que lle outorga esta norma.
     l) Aprobar os regulamentos de desenvolvemento estatutario que procedan.
     m) Aprobar as modificacións estatutarias ou levar a cabo a reforma dos estatutos.
     n) Aprobar aquelas decisións que, pola súa especial relevancia e repercusión na organización e funcionamento da asociación sindical, estime a Xunta Directiva que han de ser sometidas á decisión da mesma.
     o) Coñecer e resolver se procede as reclamacións e recursos formulados polos asociados.
     p) Aprobar a disolución da asociación sindical.

Artigo 15. Convocatoria da Xunta Directiva.
     A Xunta Directiva reunirase, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ó cuadrimestre. Tamén se celebrará cantas veces o estime o seu Presidente ou Vicepresidente, a iniciativa propia o a petición de calquera dos seus membros. Sendo presidida polo Presidente, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou Secretario, nesa orde. Se faltaren os anteriores, polo membro da mesma de maior idade.
     O Presidente da Xunta Directiva convocará ós seus membros, sempre que sexa posible, con oito días de antelación á data fixada da reunión, con comunicación da orde do día, aínda que por urxencia dos mesmos poderán tratar asuntos non contidos neste.

Artigo 16. Constitución da Xunta Directiva.
    A Xunta Directiva considerarse validamente constituída cando concorran á reunión a metade máis un dos seus membros, sempre e cando estean o Presidente e o Secretario ou quen os substitúan.

Artigo 17. Aprobación dos acordos da Xunta Directiva.
     Para que as decisións da Xunta Directiva teñan validez, os seus acordos deberán ser adoptados por maioría de votos, tendo que concorrer como mínimo a metade dos seus membros. En caso de empate decidirá o voto de calidade do Presidente.

Artigo 18. Funcións da Xunta Directiva
     Correspóndelle á Xunta Directiva o exercicio das seguintes funcións:
     a) Planificar e dirixir as actividades da asociación sindical para o exercicio das accións que lles sexan propias.
     b) Propoñer á aprobación da Asemblea xeral as propostas que estimen adecuadas para a defensa dos intereses económicos, laborais, docentes e sociais dos seus afiliados.
     c) Propoñer á aprobación da Asemblea Xeral as propostas que estimen máis adecuadas para a defensa dos seus fins en vía administrativa ou xudicial, propondo, no seu caso, a contratación dos profesionais, bens ou servizos que considere más idóneos, así como o outorgamento de poderes.
     d) Ordenar as actuacións que fosen necesarias para executar as decisións adoptadas pola Asemblea xeral e velar polo cumprimento dos seus acordos.
     e) Convocar a Asemblea Xeral, previa fixación da orde do día.
     f) Adoptar as decisións que foran pertinentes para celebrar as eleccións dos seus membros.
     g) Propor á aprobación da Asemblea xeral a creación de grupos de traballo de carácter especializado, compostos por un vocal e os profesionais que estimen adecuados, especificando o obxectivo do grupo, a duración do mesmo e as retribucións a aboar.
     h) Nomear e destituír ao persoal de secretaría necesario para o funcionamento da asociación sindical e fixar as súas retribucións, no seu caso, previa autorización pola Asemblea Xeral da necesidade da súa contratación.
     i) Tramitar os expedientes sancionadores ós afiliados.
     j) Tramitar os expedientes de expulsión dos afiliados nos termos sinalados polo artigo 29 dos estatutos e presentar a decisión adoptada na primeira asemblea que se celebre, a efectos de que a mesma proceda a ratificar ou non a decisión acordada.
     k) Decidir en materia de cobros, ordenación de pagos e expedición de libramentos, os cales serán executados polo Tesoureiro, previa firma do Presidente e Secretario .
     l) Realizar e dirixir as actividades da asociación sindical necesarias para o exercicio e desenvolvemento dos seus fins.
     m) En caso de urxencia, adoptar decisións sobre asuntos dos cales a competencia corresponda á Asemblea Xeral, dando conta delas na primeira sesión que se celebre.

Artigo 19. Funcións do Presidente.
     Correspóndelle ao Presidente:
     a) Representar legalmente á asociación sindical, así poderá entre outros, subscribir contratos, outorgar poderes e executar toda clase de accións coa debida autorización da Xunta Directiva.
     b) Convocar, presidir e levantar as sesións que celebren a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva; dirixindo as mesmas, dispoñendo de voto de calidade en caso de empate.
     c) Ordenar ao Tesoureiro os pagos e libramentos acordados validamente.
     d) Dar a coñecer á Xunta Directiva, para a súa tramitación, a solicitude de admisión de novos afiliados e as dimisións presentadas polos mesmos, para a súa posterior ratificación ou coñecemento por parte da Asemblea.
     e) Render anualmente informe da súa propia actuación e da Xunta Directiva á Asemblea Xeral.
     f) Propor á Asemblea Xeral ou á Xunta Directiva o nomeamento de cargos técnicos que sexan necesarios para as actividades da asociación sindical.
     g) Aqueloutras que de maneira expresa atribúen os estatutos ou ben lle sexan atribuídas por acordo da Xunta Directiva ratificado por maioría simple pola Asemblea Xeral.

Artigo 20. Funcións do Vicepresidente.
     Asistirá ao Presidente e terá a función de substituílo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 21. Funcións do Secretario.

     Corresponderalle ao Secretario exercer as seguintes funcións:
     a) Levantar acta das sesións que celebre a Xunta Directiva e das Asembleas.
     b) Dirixir e tramitar os traballos administrativos da asociación sindical.
     c) Levar ao día o libro de rexistro de admisións e saídas de socios.
     En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do Secretario, será substituído polo vocal de maior idade que non ocupe ningún cargo na asociación sindical nin sexa membro de ningunha comisión.

Artigo 22. Funcións do Tesoureiro.
     Son funcións propias do Tesoureiro:
     a) Levar ao día a conta dos gastos e ingresos da asociación sindical e os libros de contabilidade que legalmente procedan.
     b) Organizar o servizo de cobranza de cotas.
     c) Expedir os recibos do abono das cotas por parte dos afiliados.
     d) Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación sindical.
     e) Cumprir as ordes de pago das débedas da asociación sindical previa orde do Presidente.
     f) Formalizar o orzamento anual de ingresos e gastos, o balance e o estado de contas do ano anterior, para ser aprobados pola Xunta Directiva, que os someterá á aprobación da Asemblea Xeral.
     g) Firmar os talóns bancarios.
     h) Presentar cando sexa requirido pola Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva cantas contas se lle pidan.
     En caso de vacante, ausencia ou enfermidade será substituído polo Vocal de maior idade que non ocupe ningún cargo na asociación sindical nin sexa membro de ningunha comisión.

Artigo 23. Dos membros da Xunta Directiva.
     Os membros da Xunta Directiva, para o suposto de que debesen ser substituídos por destitución ou cesamento sen que rematase o seu mandato temporal, poderán ser substituídos por un afiliado elixido pola Xunta Directiva no prazo temporal dos trinta días seguintes ao mesmo, debendo ser ratificados na seguinte Asemblea Xeral. En caso de que a Xunta Directiva non faga uso de tal medida, dito cargo ou cargos deberán ser novamente sometidos a elección democrática en Asemblea Xeral Extraordinaria dentro dos dous meses seguintes ao seu cesamento ou destitución.


CAPÍTULO III. ADQUISICIÓN E PERDA DA CONDICIÓN DE ASOCIADO.

Artigo 24. Requisitos dos afiliados.
     Poderán afiliarse á asociación sindical os profesionais que reúnan as condicións ás que se refire o artigo 6, coa soa condición de observar os presentes estatutos.
     O ingreso na Asociación será voluntario e en calquera momento poderán os membros deixar de pertencer á mesma, notificándoo por escrito á Xunta Directiva cunha antelación de dez días á data da baixa.

Artigo 25. Procedemento para a adquisición da condición de afiliado.
     Deberá solicitarse por escrito ao Presidente, que dará conta á Xunta Directiva, quen accederá ou denegará a solicitude, previa comprobación de que os interesados reúnen os requisitos esixidos no artigo anterior.
     As citadas resolucións deberán ser ratificadas pola Asemblea Xeral na primeira reunión que se celebre.

Artigo 26. Afiliados ou membros de honra.
     A Xunta Directiva poderá propoñer o nomeamento de afiliados ou membros de honra, que deberán recaer nas persoas con notoria relevancia no ámbito funcional ao que abarcan os fins da asociación sindical, que deberá de ser aprobado pola Asemblea.
     Terán dereito a voz nas Comisións para as que foran convocados, pero non disporán de dereito a voto e estarán exentos do abono das cotas correspondentes.

Artigo 27. Dereitos dos afiliados.
     Os afiliados terán os seguintes dereitos:
     a) A tomar parte nas actividades da asociación sindical.
     b) A exercer a representación que en cada momento se lle confira.
     c) A propor candidatos ás eleccións dos membros dos órganos de goberno nas condicións establecidas nos estatutos.
     d) A exercitar o dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais.
     e) A posuír un exemplar dos estatutos e ter coñecemento das convocatorias de Asemblea Xeral e dos acordos adoptados pola mesma.
     f) A ter coñecemento do contido das actas das reunións celebradas e as decisións tomadas pola Xunta Directiva, así como das cuestións que lles afecten.
     g) A ser electores e elixibles mediante sufraxio libre e secreto, dos cargos que forman parte da Xunta Directiva. Para que os membros da asociación sindical poidan facer uso deste dereito deberán estar ao corrente no pago das cotas.
     h) A presentar mocións para censurar a actividade dos membros que compoñen a Xunta Directiva.
     i) A expresa libremente as súas opinións no seo da asociación sindical, xa sexa por escrito ou de palabra, cando estean relacionadas cos asuntos profesionais que afecten ou se discutan na orde do día da reunión, sempre que non vaian en contra dos principios establecidos nos estatutos ou nas normas xurídicas de carácter xeral.
     j) Recorrer mediante escrito razoado ante o Presidente e os membros da Xunta Directiva cando estimen que os seus dereitos foron vulnerados, sen prexuízo de exercitar a accións legais que estimen convenientes.
     k) Examinar en calquera momento os libros de contabilidade para coñecer a situación económica da asociación sindical, excepto durante o mes previo á celebración da Asemblea.
     l) A examinar o libro de rexistro dos afiliados e calquera outro libro ou documentos que obren en poder do Secretario para o exercicio das funcións que lle son encomendadas polos estatutos.
     m) A formar parte das representacións orgánicas designadas para estudos, xestións e defensa dos intereses dos afiliados sempre que a designación sexa feita por órganos competentes.
     n) A non ser expulsado da asociación sindical se non é por causa xustificada e previo cumprimento dos trámites procedementais previstos nestes estatutos.
     o) A darse de baixa na asociación sindical.
     p) A utilizar os servizos técnicos de protección e asesoramento na garantía e defensa dos seus dereitos e deberes laborais, así como todo asesoramento de carácter docente de que dispoña a asociación sindical.
     q) A constituír seccións sindicais no ámbito do seu centro de traballo de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto de Liberdade Sindical.

Artigo 28. Deberes dos afiliados.
     Los afiliados terán os seguintes deberes:
     a) Participar na elección dos seus representantes e dirixentes.
     b) Contribuír ao sostemento económico da asociación sindical mediante o abono das cotas aprobadas pola Asemblea Xeral.
     c) Acatar as prescricións sinaladas nos estatutos e as disposicións legais que resulten aplicables.
     d) Cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos directivos.
     e) Cumprir as obrigas inherentes aos cargos para os que fosen elixidos.
     f) Respectar a libre manifestación de pareceres e non entorpecer directa ou indirectamente as actividades da asociación sindical.
     g) Manter a disciplina e colaboración necesarias para o bo funcionamento da asociación sindical.

Artigo 29. Sancións aplicables.
     Polo incumprimento das súas obrigas os membros da asociación sindical
poderán ser sancionados:
     a) Con apercibimento.
     b) Coa baixa da condición de afiliado, previa instrución do correspondente
expediente de expulsión.

Artigo 30. Causas da perda da condición de afiliado.
     O asociado deixará de pertencer á asociación sindical:
     a) Por dimisión, que haberá de solicitarse por escrito ao Presidente da asociación sindical e será efectiva a partires do primeiro día do mes seguinte ao que se presenta a solicitude.
     b) Por sanción imposta pola Xunta Directiva e ratificada pola Asemblea en caso de grave incumprimento das súas obrigas ou por falta de abono das cotas correspondentes nos tres meses seguintes ao seu cobro.

Artigo 31. Procedemento para a perda da condición de afiliado.
     Non poderá ser expulsado da asociación sindical ningún afiliado sen que previamente se lle instrúa o correspondente expediente de expulsión, que se realizará nos seguintes termos:
     Comezarase mediante escrito firmado polos membros da Xunta Directiva dirixido ao afiliado incurso nalgunha das causas sinaladas no artigo anterior, axuntando o prego de cargos e concedéndolle un prazo de 15 días para que poda responder ás acusacións.
     Dada resposta ao prego de cargos ou transcorrido o prazo sinalado para respondelo, a Xunta Directiva adoptará a decisión que estime adecuada.
     A decisión adoptada pola Xunta Directiva deberá ser proposta para a súa ratificación á primeira Asemblea Xeral que se celebre. Durante o período que medie entre a decisión da Xunta Directiva e a celebración da Asemblea Xeral, no caso de que se adoptase a expulsión, suspenderase o exercicio dos dereitos por parte do afiliado. Se a Asemblea non ratificase a decisión da Xunta Directiva de expulsar ao asociado, o Presidente deberá realizar as accións necesarias para reintegrarlle os dereitos que procedan.


CAPÍTULO IV. RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 32. Patrimonio da asociación sindical.
     O patrimonio da asociación sindical estará constituído polos ingresos derivados dos recursos seguintes:
     a) As cotas aboadas polos afiliados.
     b) O produto dos bens e dereitos que lle correspondan polos intereses das súas contas bancarias e demais produtos financeiros.
     c) As doazóns, legados e subvencións que poida recibir legalmente.
     d) Calquera outro recurso obtido de conformidade coas leis.

Artigo 33. Administración e destino dos recursos.
     Serán administrados polo Tesoureiro, quen levará os libros de contas, debendo ser destinados ao cumprimento dos fins da asociación previstos nos estatutos.

Artigo 34. Medios para que os afiliados poidan coñecer a situación económica da entidade.
     Os libros de contabilidade e os documentos contables que obren en poder do Tesoureiro e dos membros da Xunta Directiva para o exercicio das súas funcións poderán ser examinados polos afiliados nos termos establecidos no artigo 24 dos estatutos.


CAPÍTULO V. RÉXIME DE MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS, DE FUSIÓN E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN SINDICAL.

Artigo 35. Procedemento para acordar as modificacións estatutarias.
     Os presentes estatutos poderán ser modificados en virtude do acordo da Asemblea Xeral, co voto favorable dos 3/5 dos afiliados presentes ou representados con dereito a voto.
     O proxecto de modificación deberá ser proposto pola Xunta Directiva ou por un 20% dos afiliados e será remitido a tódolos membros cunha antelación mínima de sete días.

Artigo 36. Procedemento para acordar a disolución.
     A disolución sindical disolverase mediante Asemblea extraordinaria reunida ao efecto con este único punto na orde do día, sendo aprobada mediante votación da maioría cualificada dos 3/5 dos afiliados.
     A citada Asemblea nomeará unha comisión liquidadora composta por 3 membros, a cal procederá a aboar as débedas pendentes, rescindir os contratos vixentes se os houbese, liquidar o patrimonio e saldar as obrigas contraídas pola asociación sindical.

Artigo 37. Destino do remanente.
     De existir remanente, unha vez liquidadas as débedas e obrigas da asociación sindical, este destinarase á Organización Non Lucrativa que se decida en Asemblea Xeral